Girl
Texto de Jamaica Kincaid
Publicado orixinalmente no New Yorker, 1978, e logo recollido no libro At the bottom of the river
Lava a roupa branca o luns e pona no monte de pedras; lava a roupa de cor o martes e pona a secar no tendal; non camiñes cá cabeza descuberta ó sol; cociña boliños de cabaza en aceite doce moi quente; pon a remollo os teus paniños xusto despois de quitalos; cando merques algodón para facerte unha bonita blusa, asegúrate de que non teña goma, porque así non aguantará ben despois dun lavado; pon a remollo o peixe salgado toda a noite antes de cociñalo; é certo que cantas benna na escola dominical? Sempre come de maneira que non se lle revolva o estómago a ninguén; os domingos trata de camiñar como unha dama e non como a mullerona na que estás empeñada en convertirte; non cantes benna1 na escola dominical; non debes falar cás ratas que son os mozos do peirao, nin sequera para darlles indicacións; non comas froita na rúa, as moscas seguiranche; mais eu non canto benna os domingos xamais e menos na escola dominical; así cósese un botón; así faise unha botoeira para o botón que acabas de coser; así faise o dobladillo dun vestido cando ves que se che cae e así evitas parecer a puta que sei que te empeñas en ser; así é como se pasa o ferro á camisa caqui do teu pai para que non teña unha engurra; así é como se pasa o ferro ó pantalón caqui do teu pai para que non teña unha engurra; así é como se cultiva o quimbombó, lonxe da casa, porque o quimbombó2 alberga formigas vermellas; cando se cultiva o dasheen3 hai que asegurarse de que reciba moita auga ou pola contra fara que che pique a gorxa ao comelo; así é como se varre unha esquina; así é como se varre unha casa enteira; así é como se varre un patio; así é como se sorrí a alguén que non che gusta demasiado; así é como se sorrí a alguén que non che gusta nada; así é como se sorrí a alguén que che gusta de verdade; así é como se pon unha mesa para o té; así é como se pon unha mesa para a cea; así é como se pon a mesa para cear cun invitado importante; así é como se pon a mesa para comer; así é como se pon a mesa para almorzar; así é como hai que comportarse en presenza de homes que non che coñecen moi ben, e así non recoñecerán inmediatamente á puta na que che advertín que non te converteras; asegúrate de lavarte todos os días, aínda que sexa coa túa propia saliva; non te poñas en crequenas para xogar ás canicas: non es un neno, xa o sabes; non collas as flores da xente: poderías coller algo; non tires pedras ós merlos, porque podería non ser un merlo; así faise un pudin de pan; así faise a doukona4; así faise o pementeiro; así é como se fai unha boa menciña para o arrefriado; así é como se fai unha boa menciña para tirar a un neno antes incluso de que sexa neno; así é como se colle un peixe; así é como tiras de volta un peixe que non che gusta, e dese xeito non deixar que caía algo malo sobre ti; así é como se intimida a un home; así é como un home te intimida a ti; así é como se ama a un home, e se isto non funciona hai outras maneiras, e se non funcionan non te sintas tan mal por renderte; así é como se cuspe ó aire se che apetece, e así é como tes que moverte rápido para que non che caia enriba; así é como se chega a fin de mes; aperta sempre o pan para asegurarte de que está fresco; e se o panadeiro non me deixa sentir o pan? queres dicir que despois de todo vas ser a clase de muller á que o panadeiro non deixa achegarse ó pan?
1 : Xénero musical de Antigua e Barbuda. Caracterizado por unha estrutura de chamada/resposta.
2: Planta tropical de fruto comestible.
3: Vexetal de raíz comestible.
4: Plato de orixe caribeño semellante a un pudin, tradicionalmente envolto nunha folla de plátano.